O blog do Departamento de Informática: actualidade, vida do centro, innovación e orientación laboral

O alumnado de SMR participa en InnovaTech FP 2026

30/01/2026 | Está pasando

Este curso o noso centro dá un paso máis no impulso da innovación e do traballo por proxectos coa participación no programa InnovaTech FP 2026, unha iniciativa que conecta a Formación Profesional co tecido empresarial galego a través de retos tecnolóxicos reais.

Un total de 8 alumnas e alumnos do ciclo medio de Sistemas Microinformáticos e Redes (SMR) forman parte desta edición, distribuídos en dous equipos de catro integrantes. Cada grupo traballou na resolución dun desafío proposto por unha empresa, competindo con institutos e CIFP de toda Galicia.

Un dos equipos participou no reto presentado por L’Oréal, mentres que o outro afrontou o desafío proposto por Diesemm. En ambos os casos tiveron que analizar a problemática, deseñar unha solución viable e desenvolver unha proposta tecnolóxica aplicando os coñecementos e competencias adquiridas no ciclo.

Os dous equipos estiveron titorizados polo docente de informática Javier Feijóo, que os acompañou no proceso de organización, planificación e desenvolvemento do proxecto, fomentando o traballo colaborativo, a creatividade e a aprendizaxe baseada en retos reais.

As propostas correspondentes á primeira fase xa foron entregadas e nestes momentos o alumnado está á espera de coñecer se pasa á seguinte fase do concurso.

Esta experiencia supón unha excelente oportunidade para que o alumnado traballe en equipo en contornas semellantes ás do ámbito profesional, desenvolva a capacidade de resolver problemas reais e reforce as súas competencias técnicas e comunicativas, ao tempo que se achega á realidade das empresas.

Desde o centro queremos felicitar ao alumnado participante polo seu esforzo e implicación, e desexarlles moita sorte nesta próxima fase do proceso.

Para coñecer máis sobre o programa e os resultados visita https://cgifp.gal/innovaTechFP//innovatech-fp/

Novas relacionadas ...